Thursday 02 de May de 2024

O Pleno municipal aproba os orzamentos e o cadro de persoal para o 2016


A proposta presentada polo goberno local sae adiante cos votos favorables de Compostela Aberta, a abstención de PSOE e BNG e os votos en contra do PP

Os orzamentos aprobados ascenden a 99.400.897,44 euros e teñen tres grandes eixos: as políticas sociais e o emprego,que ven incrementado o seu orzamento nun 35%, o mantemento e o reequilibrio territorial. O orzamento consolidado ascende a 102 millóns de euros. Os 8,4 millóns de euros destinados a políticas sociais supoñen un investimento de 88 euros por habitante e ano, unha ratio que acada o máximo histórico. No rural, o orzamento acada os 2 millóns de euros duplicando a partida do ano pasado e, no que se refire ao mantemento, consígnase un orzamento de 1,1 millóns de euros, tamén o dobre que o ano pasado.

Na súa primeira quenda, a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, fixo unha defensa dos orzamentos que o goberno local presentaba ante o Pleno e asegurou que “se trata dun documento dialogado durante máis de dous meses cos grupos da oposición e que recolle, non só 25 das 45 achegas de PP, PSOE e BNG senón tamén 3 das 4 emendas presentadas na Comisión de Facenda”. A concelleira destacou tamén que “un goberno precisa dunha ferramenta para poder levar a cabo as súas políticas e convidou á oposición a non votar en contra da proposta presentada”. Rozas fixo tamén mención “ao grande esforzo que o grupo de goberno realizou durante este proceso para incorporar a maior parte das propostas da oposición, que obrigou tamén a Compostela Aberta a renunciar a algúns dos proxectos que considerabamos importantes para este 2016”.

Plan Económico Financeiro
O primeiro punto que se debateu no Pleno foi o Plan Económico Financeiro (PEF), elaborado polo goberno local como consecuencia do incumprimento da regra do teito de gasto por parte do anterior executivo en 2,3 millóns de euros.

Dito Plan recolle unha análise dos motivos polos cales se fixo obrigatoria a súa elaboración así como unha avaliación do 2015 no que o Concello cumpre con todos os requisitos legais, consecuencia dun exercicio de responsabilidade por parte do goberno local. No Plan Económico Financeiro infórmase tamén de forma positiva o orzamento de 2016, que cumpre tamén con todos os indicadores económicos. O PEF conclúe que non é preciso tomar ningunha medida de axuste de cara a este ano 2016.

O PEF foi aprobado no Pleno cos votos favorables de Compostela Aberta e do Partido Popular e a abstención do resto de grupos, que apelaron á responsabilidade institucional.